BANDO INFANTIL

 Marta Giráldez Barral, Alcaldesa-Presidenta do

Concello de Meis (Pontevedra)

FAGO SABER:

Que logo de telo estudado e consultado con moitas familias do municipio, temos razón para pensar que as nenas e os nenos de Meis están a ser os que mellor se están a portar de toda a contorna. xa que están a ser moi valentes e obedientes, cumprindo coas normas do estado de alarma, lavando as mans moitas veces ao día (malia que hai quen se escaquea) e non saíndo da casa nin sequera para algo tan importante como celebrar coas súas amizades o seu aniversario.

Que grazas a este comportamento tan responsable estamos conseguindo mellorar pouquiño a pouco a situación e que menos persoas se poñan maliñas.

Que esta actitude merece un premio que compense a tremenda inxustiza que é non poder celebrar un día tan importante coas amizades.

Por todo iso, esta Alcaldía ACORDA

Que cando todo isto remate e poidamos volvernos xuntar moita xente, o Concello de Meis vai organizar a maior festa de aniversario da historia de Meis, para celebrar tódolos “cumpres” desta época de confinamento e que estarán convidadas e convidados tódalas nenas e tódolos nenos do noso concello.

Queremos aproveitar este bando para dárvo-las grazas pola vosa paciencia e pedirvos que sexades fortes e aguantedes un pouquiño máis, porque estamos moi orgullosas/os do que estades facendo.

O que fago público para xeral coñecemento.

 

Vertidos impropios na depuradora de Lantañón

MARTA GIRALDEZ BARRAL, ALCALDESA-PRESIDENTA DO CONCELLO DE MEIS (PONTEVEDRA)

FAGO SABER:

Que o Concello de Meis conta cunha rede de sumidoiros que conduce os vertidos á depuradora de Lantañón, procedentes das vivendas correspondentes aos lugares de Pompeán, A Goulla, O Noval, Latañón, As Portelas e Vilanoviña, na parroquia de Paradela.

Que esta depuradora, unha vez máis, está a sufrir avarías moi graves que precisan de reparacións moi caras, debido á presencia nos vertidos de compresas, toalliñas, trapos de cociña, etc.

 

Xa que logo, apelo á colaboración de toda a cidadanía para contribuír ó bo funcionamento da depuradora evitando tirar eses resíduos impropios da rede de saneamento.

O que fago público para xeral coñecemento.

Vertidos impropios á rede de sumidoiros en Gondarei de Arriba e A Bouza (San Martiño de Meis)

MARTA GIRÁLDEZ BARRAL, ALCALDESA-PRESIDENTA DO CONCELLO DE MEIS (PONTEVEDRA)

FAGO SABER:

Que a rede de sumidoiros que conduce os vertidos procedentes das vivendas dos lugares de Gondarei de Arriba e A Bouza á depuradora está a sufrir atrancos e avarías que poden ser moi graves e polo tanto precisar de reparacións moi caras, debido á presencia nos vertidos de compresas e toalliñas.

Xa que logo, dende o Concello de Meis apélase á colaboración de toda a cidadanía para contribuír ó bo funcionamento da rede de sumidoiros evitando tirar eses resíduos impropios da rede de saneamento.

O que fago público para xeral coñecemento e efectos.