Coa emoción propia de quen se interna por primeira vez nun mundo apaixonante, escribo estas liñas, como quen escribe no aire, a xeito de benvida a quen decidise asomarse á realidade de Meis a través destra fiestra electrónica.

Somos un concello orgulloso do propio, pero á vez aberto e cosmopolita, que a través da historia fixo da tolerancia e o entendemento pedras angulares da súa armazón social.

O Meis de hoxe aposta como sempre, por conserva-lo mellor das súas tradicións, pero proxectándose decididamente cara á modernidade. Para iso veu realizando nos últimos anos un considerable esforzo político, económico e social, centrado na mellora das infraestructuras básicas, de maneira moi especial no eido das tecnoloxías da comunicación, dende o convencemento de que constitúen o medio máis eficaz para acadar un verdadeiro avance social.

Queremos estar na avanzada da sociedade da información e cada día damos un novo paso cara ese horizonte de futuro. A través das páxinas que seguen, quen o desexe poderá ir tendo cumprida noticia diso e ademáis poderá coñece-las iniciativas coas que entre todos, tanto dende o ámbito público coma dende o privado, estamos a construí-lo Meis do terceiro milenio.